Reproches
Decátome de súpeto de que non me dou sacado de enriba os autoreproches na miña conversa interna:
- Debería ter collido a mascarilla
- Debín terminar a máscara onte a noite
- Non te estás a medir a tensión
E lémbrome de esa frase que teño escoitado moitas veces:
«A voz coa que lle falas aos teus fillos convértese na súa voz interior de maiores»
Sempre interpretei que se refería ao tono:
- Se lle falas con amor ao teu fillo agora que é pequeno el falarase con amor internamente cando sexa maior.
- Se lle berras e lle falas con emfado de pequeno el falarase berrándose cando medre.
Pero agora, aquí, na sala de espera do Centro de Saúde de Baltar, decateime, mirando no meu interior, que a impronta non so inflúe únicamente no como te falas senón que determina tamén o que te dis.
Observo a miña conversa interna recente e está chea de reproches. Non hai nin pizca de aceptación.
Case parece ridículo dicirte a ti mesmo:
- Que ben fixeches onte en ir a solfeo
- Fixeches moi ben a comida onte, estaba moi rica
- Incrible que sacaras adiante as cousas esta mañá
- Que ben o estas facendo con Olivia estes días, realmente penso que lle estás axudando moito
Pero algo me di (a miña Irene interior, a miña psicoterapeuta) que é de vital importancia facelo. Cambiar o autoreproche polo autorrecoñecemento.
E non o fago. E paréceme algo ridículo facelo. E teño case que obrigarme.
E lémbrome da miña infancia. Lémbrome da miña nai, de como me falaba. Non digo que non se sentise orgullosa das cousas que facía. Tampouco digo que nunca me dese unha palabra de felicitación. Pero a norma do día a día era o reproche. O silencio so pagaba a pena rompelo para correxir.
Penso agora no que a min me toca. —Vou a pasar ese pesado testigo? — Vou a deixarlle aos meus fillos esa nociva herdanza?
Se atendo á infancia que está tendo Olivia... todo son reproches! Miña pobre!
E agora toca —non sei se te decatas— este xiro de guión, este peche do círculo: reprocharme tamén por isto, reprocharme por pasarme todo o día e a noite reprochándome a min, e reprochándolles a eles.
Como se rompe este círculo? Como se borra esta tatuaxe? Como se repara esta impronta?
Supoño que —en realidade téñoo bastante claro— isto cúrase dándolle a volta, rompendo o circulo, metendo aceptación e validación. Primeiro dentro de min, para que me sexa máis doado despois fora.
- Estouno facendo o mellor que sei.
- Estoume cuestionando o meu xeito de ser, de pensar e de actuar.
- Ese é o primeiro paso, e os primeiros pasos sempre son os máis difíciles.
- Estou decidido a deconstruirme, a mellorar.
- Iso non é un destino, iso é a determinación de seguir un longo camiño.
- Parabéns Fran! Estou moi orgulloso!